O 1 de agosto presentábase en Amapala (Honduras) o “Proyecto de mejora de la sostenibilidad de la actividad marisquera como fuente de ingresos de 7 grupos de mujeres marisqueras en los municipios de Amapala, San Lorenzo y Marcovia, Honduras”.
O proxecto, dentro do noso programa de Promoción do Dereito á Alimentación con enfoque de soberanía alimentaria, será financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia con 225.000 euros en dous anos. No seu desenvolvemento colaboraremos co noso socio habitual neste programa, CODDEFFAGOLF , os verdadeiros artífices deste esforzo xunto cos grupos de mulleres,e tamén co CartoLab da Universidade da Coruña.
O proxecto consiste na mellora da actividade marisqueira de sete grupos liderados por mulleres que realizan a actividade de xeito tradicional supoñendo unha fonte principal de ingresos para as súas familias, dadas as circunstancias de deterioro ambiental, perda de producción e ingresos que se vén dando nos últimos anos e ameazan dito modo de vida. Así mesmo, se establecerán metodoloxías e proxectos piloto de cultivo de moluscos, mellora da calidade, comercialización e imaxe do producto, mecanismos de ordenación da actividade e xestión dos espazos naturais para a rexeneración con criterios de gobernanza, incluindo aspectos relativos á seguridade e vixianza do cumprimento da normativa ambiental e de pesca de xeito participado.
Traballarase con catro grupos de mulleres de Amapala, dous de Marcovia e un de San Lorenzo. O estado actual dos grupos é diverso, estando os catro de Amapala máis avanzados na súa formalización. Os grupos de Marcovia e San Lorenzo, en cambio, non teñen iniciado o proceso de constitución formal nin legalización, polo que se debe iniciar o fortalecemento con accións de definición de integrantes e constitución do grupo, formalización da personería xurídica, formación básica de xestión e organización, e formación básica de temas relativos á actividade. Os grupos son:
- ESM ESMUMAR (21 mulleres),
- ESM Belas Mar (21),
- ESM Nueva Esperanza (13),
- ESM Playa Grande (21),
- Asociación de Mujeres Marisqueras de San Lorenzo (18),
- Asociación de Mujeres Marisqueras El Eden (21),
- Asociación de Mujeres Marisqueras Colonia Tres de Febrero (19)
En total, 134 mulleres de 122 familias, que dependen en gran medida da actividade marisqueira.
A idea é avanzar na profesionalización da actividade marisqueira dende unha perspectiva que reúna as seguintes características: profesionalización do sector, valorización do traballo das mulleres na pesca e marisqueo, xestión con respecto á biodiversidade e baixo parámetros de sostibilidade ambiental; comercialización legal que cumpra as normas fiscais, sanitarias e hixiénicas do producto, integración das institucións normadoras e xestoras para avanzar cara á formalización de normas de protección e fomento da rexeneración natural dos recursos, sentando as bases para avanzar no futuro cara a ordenación marisqueira e dos recursos marino-costeros a través dunha experiencia piloto en Amapala. Ademais de fortalecer o dereito á alimentación, búscase reducir a fenda de xénero fortalecendo a actividade productiva e de xeneración de recursos das mulleres en grupos productivos e de apoio mútuo.
O proxecto enfocarase así nos seguintes aspectos:
+
Avanzar na formalización e legalización dos grupos, na súa
capacidade de xestión organizativa e técnico-productiva e
eficiencia, a través de módulos específicos de formación
adaptados á situación e requerimentos individuais de cada grupo,
que se definirán tras un diagnóstico inicial. Así, nos catro
grupos de Amapala avanzarase nos aspectos de mellora de
comercialización legal do produto, posto que xa teñen recibido
fortalecemento en aspectos básicos de xestión organizativa. En
Marcovia e San Lorenzo, comezarase pola constitución formal dos
grupos, procedendo á súa legalización.
+ Mellorar a capacidade productiva dos grupos de mulleres a través de dúas componentes principais: mellora da capacidade de rexeneración do producto en espazos naturais usados para a captura de moluscos, e mellora da capacidade de producción mediante cultivo de moluscos en zonas controladas polas mulleres que se adican á recollida de sardiña en estruturas especiais denominadas chiqueros, así como en praias e outros lugares abertos que se seleccionarán ao efecto. Preténdese establecer sistemas de monitoreo e investigación para o seguemento dos mecanismos que se establezan para a rexeneración dos espazos naturais e para o cultivo controlado, contando cos aportes e experiencia e coñecemento da Fundación CETMAR de Galicia, así como diversas institucións hondureñas, tales como a Dirección General de Pesca e o Instituto Nacional de Formación Profesional, ambos con persoal capacitado no proxecto PROFOPAC apoiado pola Xunta de Galicia en proxectos anteriores, que participará no proxecto, e persoal de investigación da factultade de Acuicultura do Centro Universitario Rexional do Litoral Pacífico pertencente á Universidade Nacional Autónoma de Honduras. Tamén se busca crear a primeira iniciativa de preparación do producto segundo as normas sanitarias e hixiénicas e regularizar permisos sanitarios para venta directa en mercados formais, que marcará o procedemento e liña a seguir a outros grupos, servindo de mostra e aprendizaxe.
+ Xerar mecanismos de gobernanza que combinen os esforzos de sociedade civil (organizacións e mariscadoras) e institucións académicas e normadoras, de cara a iniciar procesos de ordenación marisqueira. Isto inclúe a elaboración de acordos para a xestión de espazos protexidos de interés para o marisqueo en Amapala, establecendo mecanismos de corresponsabilidade entre todos os axentes relacionados: Grupos de mulleres, Fiscalía do Ambiente e Forza de Tarea coordinada pola mesma, Digepesca, etc. Fortalerase o uso da ferramenta de cartografía colaborativa ambiental SIROS. Así mesmo, se realizará un estudo en profundidade neste municipio sobre a actividade marisquera, que permita establecer orientacións e primeiras medidas da ordenación marisqueira de cara a buscar a sostibilidade da mesma. Previsiblemente se determinará a necesidade de realizar actuacións de preservación dos hábitats que sustentan os recursos, que será un aporte en man de obra dos grupos de mulleres e mostra do interese de preservación e profesionalización da actividade.
La entrada Un novo proxecto! Fortalecemento de 7 grupos de mulleres marisqueiras no Golfo de Fonseca, Honduras aparece primero en ESF Galicia.
0 comentarios