Temos que estar confinadas, pero apetécenos vernos e falar. Por iso en ESF organizamos os xoves ás 19h para a xente da nosa base social os Ciber-faladoiros no Confinamento, empregando a ferramenta de software libre Jitsi. A semana pasada falamos sobre a serie Chernóbyl.
A verdade é que a serie deu para falar. Houbo xente que xa lera bastante do tema e nos compartiu algún enlace moi interesante. Quedámonos coa importancia de compartir os datos dende o principio, non promover o oscurantismo e o “aquí non pasa nada”, que tanto dano ten feito na historia da humanidade (non puidemos por menos que sinalar paralelismos co que ocorreu co COVID-19).
Tamén xurdiu o tema de que máis perigoso que a estructura de mando sexa piramidal é o medo, que impide que haxa espíritu crítico porque se manifestas unha opinión contraria “córtanche” a cabeza, e as veces non é figurado. Nestes casos, a única opción que tes é obedecer aínda que non esteas dacordo co que se está facendo. E ao final o propio sistema é unha víctima de si mesmo…Comentábamos o caso da morte de Stalin e dunha película sobre o tema, moi recomendable.
Outro tema importante que se comentou é a perigosidade de que haxa puntos críticos que teñan tanto impacto, os “botóns bermellos”, que a veces por moito protocolo que haxa, estes non son infalibles e premer ese botón bermello pode ter graves consecuencias. Lembramos o caso de Stanislav Petrov que grazas ao seu sentido común (e non seguir os protocolos) evitou unha guerra durante precisamente a Guerra Fría. Isto relaciónase tamén co uso de tecnoloxías con gran complexidade e impactos potenciais moi negativos no caso de fallar algo, como é o uso da enerxía nuclerar. Nun modelo enerxético máis baseado na soberanía enerxética este tipo de enerxía non podería ter cabida máis que como transición dende os modelos de xeneración fósil centralizado en grandes infraestructuras de produción (que é o que temos, de momento).
En resumo, que para unha boa “resiliencia” ás crises ou problemas grandes, unha parte fundamental é asegurar o coñecemento aberto, compartible, eliminar o medo a preguntar, impulsar o espíritu crítico das persoas e, cando es un profesional nestes eidos técnicos, saber que sempre hai persoas na túa equipa que teñen boas ideas e poden ser consultadas. A resiliencia non é só ter equipas de emerxencia, infraestruturas e medios (que tamén) senón ademais ter coñecemento e capacidade de xenerar máis coñecemento ante imprevistos, se é necesario. A miniserie Chernobyl amosaba que isto no se cumplía. Se ben pode ser que se aproveitara para “sacudir” ao sistema soviético, o certo é que posiblemente o tiveran ben merecido, como normalmente pasa coas grandes catástrofes (Bhopal, do que tamén hai un recomendable documental, a actual pandemia, da que seguramente queda moito que investigar e divagar, e outras que nos quedan máis perto como o Prestige, que disque foi o terceiro desastre máis costoso da historia, pero polo menos serveu para engordar o PIB…).
Esperamos que vos gustaran as conclusións, deixádenos os vosos comentarios!!
La entrada Ciberfaladoiros no cofinamento I. Serieforum sobre Chernóbyl aparece primero en ESF Galicia.
0 comentarios