Eva e Xoel, as primeiras participantes do noso Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) da era COVID, chegaron hoxe a San Pedro Sula (Honduras), onde Raquel, a nosa representante-país, xa os estaba esperando.
Despois de seren seleccionades na convocatoria de 2020, finalmente non puideran viaxar nese ano por mor da COVID19. Sen embargo, foron quen de facer o proceso de formación previo (neste caso cun itinerario formativo a distancia, xa que só se puideron atopar presencialmente unha vez, xusto antes de iniciarse o cofinamento en 2020). Durante 2020 e o que levamos de 2021 agardaron con paciencia a oportunidade de viaxar. Por sorte, as súas circunstancias lles permitiron esperar até este 2021 e, se ben con moita incertidume (e pelexar para que lles puideran recoñecer a súa condición de cooperantes para entrar no grupo especial de vacinación e non seguir adiando a viaxe, co apoio da Coordinadora Galega de ONGD), xa están en Honduras.
Estarán no país máis de 2 meses, coñecendo a realidade hondureña, os proxectos que temos en marcha na zona do Golfo de Fonseca e, sobre todo, coñecendo ás persoas e esforzo que hai detrás. Irannos contando as cousas que vaian aprendendo!
Este programa é unha das actividades de ESF máis importantes de promoción de voluntariado transformador cunha perspectiva de cidadanía global, e este ano puidemos levalo a cabo grazas á financiación da Xunta de Galicia en sendos proxectos de Educación para o Desenvolvemento neste 2021. Eva viaxará dentro do proxecto de “Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida”, onde poñemos en contacto activistas dos dous lados do Atlántico. Xoel o fará dentro do proxecto “Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega”, como parte das actividades para que os estudos técnicos das universidades galegas inclúan esta perspectiva global dentro da súa formación.
Estamos moi contentas de que finalmente poidan estar alí. Esperamos o ano que vén volver sacar unha nova convocatoria deste programa!
La entrada Xa están en Honduras as participantes no Programa de Coñecemento da Realidade 2020-2021 aparece primero en ESF Galicia.
0 comentarios